23/05/17

Tendal de poemas; entre ríos e camiños

A Aula da Natureza e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames xunto cos E.N.D.L.G dos distintos centros de ensino de Educación Infantil e Primaria do Concello organizaron a actividade: "TENDAL DE POEMAS; entre ríos e camiños".
O alumnado e profesorado seleccionou unha serie de poemas de escritores/as en lingua galega que tiñan como temática xeral a natureza (no seu sentido máis amplo). Os poemas foron copiados e ilustrados nunha silueta de lona dunha peza de roupa. Todas esas pezas de roupa foron colgados o luns 23 en distintos lugares do Concello. Os poemas do noso Centro, leváronse ao paseo fluvial de Bertamiráns. O noso poema levárono Ximena e Ángel F. en representación da clase.


Día das clases ao aire libre

O pasado 18 de maio, o noso cole participou no Día das clases ao aire libre e a nosa aula foi, xunto cos nenos/as de 5º de Infantil da Profe María F., a Castrigo. Collemos folios, lapis, pinceis e acuarelas e decidimos ir debuxar algo copiado do natural e pintalo. Puidemos desfrutar do entorno e do pracer da pintura noutro medio que non é o habitual para nós.


16/05/17

Letras Galegas 2017: Carlos Casares


O Día das Letras Galegas deste ano está dedicado a Carlos Casares. Se pinchades nos enlaces poderedes atopar distintas actividades e información: dende as que non faltan todos os anos á cita como as do Seminario Galán ata o compendio que nos ofrece o Portal da Lingua Galega
FELIZ DÍA DAS LETRAS A TODO O MUNDO!

14/05/17

O sabor da aventura está no mar

O venres, os nenos e nenas de 6º de Infantil e os seus titores/as, tivemos a oportunidade de desfrutar dunha visita especial; dentro do programa o sabor da aventura está no mar, puidemos coñecer á cuadrilla dos arroases que nos falaron dos seus "súper poderes" e concienciáronnos nunha alimentación sa, o consumo responsable, o coidado dos mares, a reciclaxe....
Escoitamos con moita atención e pasámolo moi ben "pescando". Despois, asinamos o compromiso de tratar de comer produtos frescos do mar e espallar a mensaxe dos arroases.


11/05/17

Traballando o volume (2)

Rolos de papel, cartóns, caixas, plásticos de bombóns..... todo serve.


03/05/17

O punto cego (o experimento de Fabián)

Un experimento, o feito por Fabián, aparentemente sinxelo pero que ten a súa complicación. Custou bastante fixar a vista no X marcado no folio e que non se nos fose ao punto negro.
Só necesitamos un lapis e un folio; marcamos un X e un punto, tapamos un ollo e imos achegando o folio ao outro. Chegará un momento no que o punto desaparecerá (ben, seguirá estando aí; só é unha ilusión óptica)
Fabián explicou o experimento moi ben e despois puidemos comprobar todos/as que non era tan sinxelo como parecía. Moi ben Fabián!!!