30/11/16

Visita de Carmen e Marián

Hoxe tivemos a sorte de que nos visitaran Carmen e Marián, que traballan na ONCE
E digo tivemos a sorte, xa que grazas a elas puidemos aprender moitas cousas sobre as persoas con discapacidade visual e o seu desenvolvemento no día a día. Trouxeron unha maleta chea de cousas que nos foron ensinando ao longo da mañá e explicándonos para que e como se utilizaban.


Explicáronnos como se utiliza o bastón e como se guía a unha persoa cega cando non o ten ou non ten can guía



Coñecemos a Braillina, unha moneca para aprender a escribir en braille


Vimos o vídeo El color de las flores e tratamos de adiviñar cores utilizando o olor


Puidemos ver e tocar libros con relevo


Puidemos comprobar como utilizan aparatos que lles len libros, como fan cando os chaman ao móbil (e como fan para chamar), explicáronnos máis cousiñas sobre o braille. Tamén responderon pacientemente á chea de preguntas que lles fixemos e tivemos ocasión de ensinarlles algunha das cousas que temos feito polo de agora.
E, cando se foron, deixáronnos un pequeno agasallo!!


Moitas grazas Carmen e Marián (e á ONCE) por todo: por vir, pola vosa paciencia, pola vosa simpatía.... pola vosa axuda.

29/11/16

Adiviña, adiviña!

Fixemos unha actividade na que tiñamos que tentar saber quen era o compañeiro/a que se atopaba diante nosa só tocándoo; cos ollos tapados tiñamos que tocarlle o pelo, orellas, boca, nariz, ollos.... e, a verdade, non era moi doado atinar. As persoas invidentes non o teñen moi fácil.

24/11/16

O misto rebelde (o experimento de Sara)

Unha botella, un misto, auga e unha moeda. Como facemos para que caia a moeda dentro da botella sen que lle toquemos? Sara explicóunolo moi ben e, aínda que lle custou un pouquiño colocar a moeda, o experimento saíu moi ben.

23/11/16

Unha experiencia co Braille

Levamos varios días traballando co Braille
Cada un fixo o seu propio signo xerador aproveitando unha caixa de media ducia de ovos.


Pintamos unhas bóliñas que nos serviron (e servirán) para "escribir"
 

Despois traballamos coas letras do noso nome
 

E, para rematar, escribimos dúas frases entre todos/as. As frases non teñen nada que ver unha coa outra e foron as primeiras que se nos ocorreron. Sabedes o que din? Unha delas, ademais, ten un pequeno erro; cal será?
 

22/11/16

Non é fácil moverse cos ollos tapados

O dito, non é nada fácil. Puxemos uns antifaces e movémonos polo espazo coa axuda duns "bastóns". A verdade é que se é complicado aquí, non queremos imaxinar o que será moverse por unha cidade!

20/11/16

O tele-iogur (o experimento de Noa)


Dous vasos e un fío. Un experimento simple e moi ben explicado por Noa, que nos serviu para aprender cousas sobre a transmisión do son e o teléfono

09/11/16

O vaso co papel máxico (o experimento de Rodrigo)

Con este experimento puidemos aprender cousas sobre a presión atmosférica. Non saíu á primeira; case sae á segunda; á terceira saíu perfecto!!!!! Moi ben Rodrigo


08/11/16

Que temos na mesa?


Hoxe fixemos un pequeno experimento na clase: pechamos os ollos e tiñamos que tratar de buscar ao profe sen abrilos. Non foi fácil, de feito moitos/as fixemos "trampas". Resultaba bastante complicado moverse sen poder ver. Os medos e inseguridades eran moitos. E iso que era na clase, un lugar que dominamos, que estamos cansos de coñecer. Por un momento, pequeno, puxémonos no lugar doutras persoas que teñen esas mesmas dificultades (e outras) no seu día a día.
Para tratar de comprender e achegarnos a elas, empezamos a ter cousas enriba da mesa.

07/11/16

Samaín e magosto

Estes días estivemos a voltas co Samaín (aquí e aquí podes saber máis cousas sobre el) e co Magosto (aquí podes ler algo máis dos magostos). Tiñamos previsto celebrar todo xunto o pasado venres día 4, pero a chuvia non nos deixou.
Só puidemos amosar as follas que fixemos coa profe Mavi



e as cabazas que trouxemos da casa (para ver as cousas que se fixeron no cole, tanto en infantil coma en primaria, sobre o Samaín, só tes que pinchar aquí)



Hoxe o tempo permitiunos celebrar o magosto. Puidemos comer as castañas (que estaban moi boas), bailar e tamén, por culpa dalgún profe "chistoso", a algúns pintáronlles a cara cun tizón.

02/11/16

Música no Auditorio de Galicia

Nesta saída puidemos aprender cousas sobre as distintas familias de instrumentos da man da Pitusa Semifusa , o seu irmán e a súa avoa, que nolos foron presentando por medio de cancións. Aquí vos quedan unhas fotos para que vos fagades unha idea e un vídeo do grupo: